Era o verán de
1980, desde unha atalaia situada na parroquia de San Vicente do Mar, Concello do Grove, podía contemplarse, por unha parte, a inmensidade
do Atlántico coa liña do horizonte só oculta en parte pola illa de
Ons; pola outra o longo areal da Lanzada ateigado de xente.
Ese ano Galicia
convertiuse durante vinte días no centro neurálxico da política
española. O primeiro Presidente desa nova democracia, que aínda
estaba en cueiros, elixía as Rías Baixas para as súas vacacións
estivais. Atrás quedaban aqueles veráns da dictadura nos que o Xeneral Franco
facía do Pazo de Meirás a capital española; ese lugar que foi
“agasallado”, permítanme que o poña entre aspas, polo pobo da Coruña.
Adolfo Suárez
chegou a esa atalaia, de nome Atlántida,
para descansar do seu traballo como xastre da nova democracia, unha
tarefa nada sinxela tendo en conta a mala adaptación dos patróns ás
novas tendencias, algo que coñecía á perfección o modisto da
transición despois de traballar varios anos con eles. Algúns deses
patróns son os que durante estes días velaron o seu finado corpo
coma carpideiras (sí, plañideras)
loubando a súa figura.
Cinco meses despois
da estancia no Grove, Suárez presentaba a súa demisión. Ao seu
redor todo era soidade. Aqueles que o acompañaban elexían outros
destinos. Poucos días despois, mentres se produce a investidura de
Leopoldo Calvo Sotelo coma novo Presidente, o son dos disparos
deixaron nun segundo plano ao son das palabras no hemiciclo da
Carrera de San Jerónimo.
Prodúcese o Golpe de Estado do 23-F.
Facía meses que
Suárez empezaba a escribir o epílogo do seu libro político. Nunca
voltaría ser ese home que logrou a confianza dos cidadáns dunha España
que empezaba a ver a luz despois de estar catro décadas na
oscuridade. Conservaba o seu carisma, pero os colaboradores máis
achegados e as papeletas nas urnas tíñanno abandonado.
Na súa travesía
polo deserto atoparase con moitas pedras no camiño, sobre todo no
terreo familiar, como as enfermidades, e posterior felecemento, da
súa dona e da súa filla. Ata rematar no muro do esquecemento xa fai
máis dunha década.
Finca Atlántida (O Grove) FOTO:praza.com |
Foron case que
trinta e catro anos os que pasaron desde aquel verán. O balcón sobre o mar de nome finca Atlántida
foi subastado varias veces desde que o primeiro dono, o constructor
pontevedrés Raimundo Vázquez, falecera e o seu imperio empresarial
se afundira.
Desde esa atalaia
pódese ver o horizonte e quizáis, se agudizamos a vista, podemos
chegar a ter algunha información sobre a verdadeira Atlántida, esa
mítica illa na que din viviu unha civilización desenvolvida e que,
por causas pouco claras, escóndese baixo as augas do océano.
Xavier C. Martiñá
No hay comentarios:
Publicar un comentario